Por Pilar García Negro.

Non é destes tempos a nosa dedicación á personalidade e á obra de Ricardo Carvalho Calero. Fun alumna del no curso inmediato (1972-73) á obtención da súa cátedra de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela e mais nos dous cursos seguintes. Ora, o meu contacto máis asiduo e cordial con el había producirse a partir de 1978, cando faltaban dous anos para a súa xubilación, e, a partir desta, na que foi derradeira década da súa vida. Non teño palabras para ponderar o seu maxisterio e o seu exemplo. Foi nesta etapa cando puden ler con máis vagar e atención unha obra realmente admirábel por moitos conceitos e en moitos capítulos.

Esta leitura combinou, en descoberta constante, textos de xéneros literarios e en formatos moi diferentes: a súa obra como creador literario, en poesía, narrativa, teatro; os seus estudos, ensaios e investigacións sobre lingua e literatura galega; e unha novidade da maior importancia: os seus artigos en prensa periódica, atentos á máis pontual actualidade e sempre acompañados do seu proverbial rigor e competencia como analista sociolingüístico ou aínda político, así como estudioso da nosa literatura en toda a súa diacronía. De modo e maneira que atrás ficaba o estudo da súa gramática ou da súa fundamental historia da literatura galega contemporánea, para este coñecemento de estudante se arrequecer notabelmente coa instrución derivada dunha obra riquísima, atenta a todos os clásicos galegos, dotada dunha erudición usada sempre en beneficio do obxecto estudado, con iluminacións que nos abrían a porta e a curiosidade a novas aproximacións, a novas esculcas.

Até a fin dos seus días traballou incansabelmente para a significación cultural da Galiza. A súa independencia de criterio, a súa lealdade aos ideais e á praxe que o vincularan ao nacionalismo galego de pre-guerra, aniñado no Seminario de Estudos Galegos e no Partido Galeguista, seguiron sendo as súas credenciais no rexime que sucedeu a ditadura. Que triste paradoxo, que ironía da historia que o sistema constitucional-estatutario coincidise coa súa proscrición como intelectual, xustamente por se manter leal a aqueles principios anteriores a 1936! Non por casualidade, claro está. Non tiña cabida nen acomodo no holding “autoanémico”, nen no galego decretal, nen na obscena refacción dos clásicos galegos nen, moito menos, no entreguismo a un Estado especializado en negar dereitos básicos (lingüísticos, políticos, económicos…) de nós, galegas e galegos.

En 2010, centenario do seu nacemento, quixen recordalo editando o volume que dei en titular Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación. Nestas datas, acordei reeditalo, como homenaxe directa -antoloxía mediante de estudos e de textos ensaísticos da súa man – a unha obra que continúa sendo viva, útil e chea de suxestións para o noso presente. Animar a súa leitura demorada e atenta confortaranos nunha galeguidade tan precisada de reforzos e de instrución sobre nós mesmos. Que a celebración do Día das Letras Galegas sirva, pois, para este exercicio de (re)coñecemento e de avanzo na nosa identidade conscientemente posuída.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos requeridos están marcados *

limpiar formularioPost comment