A Casa das Campás acolle a presentación do proxecto Ágora, da federación de alumnado sénior

NOTICIAS DE LA PRESENTACIÓN DEL PROYECTO ÁGORA EN PONTEVEDRA. PDF

A aprendizaxe non entende de idades, nin de lugares.

A través da rede, ofrece a posibilidade de formarse nas novas tecnoloxías e dar a coñecer os traballos realizados

 

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Promover a formación e a aprendizaxe das persoas maiores e facelo ademais aproveitando o potencial que supoñen as novas tecnoloxías para achegar o coñecemento a persoas que, en moitos casos, se atopan lonxe das aulas universitarias son os dous propósitos que persegue o proxecto Ágora, unha iniciativa impulsada, no seo da confederación de asociacións de alumnado sénior Caumas, por alumnado do Programa para Maiores da Universidade de Vigo. Un proxecto, que como recoñece o presidente da Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (FEGAUS), Alejandro Otero, está a recibir unha “resposta moi positiva” nos seus primeiros meses de vida e que na tarde deste luns se dará a coñecer na Casa das Campás.

gal1
Presentado por primeira vez o pasado mes de maio en Vigo, Ágora “propón un novo modelo de acceso ao coñecemento, baseado na innovación e na aplicación das novas tecnoloxías”, sinala Otero. Unha tarefa que esta iniciativa leva a cabo a través da plataforma Canal Sénior, do programa de formación Voluntarios Sénior 2.0, daBiblioteca Nacional Caumas e da revista Séniors Universitarios. O funcionamento deste piares de Ágora, serán o eixo da presentación, aberta a toda a cidadanía, que terá lugar este luns ás 20.00 horas na Casa das Campás, e na que, ademais de Otero, participarán a responsable da Biblioteca Nacional Caumas, Carmén López; a directora da revista, Marina Troncoso; o tesoureiro de FEGAUS, Ramón Fernández, e o presidente da asociación de alumnado sénior de Pontevedra, José María Fernández, xunto co vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho.

Da formación nas TIC á difusión do traballo dos maiores

 

Segundo explica o presidente de FEGAUS, entre os proxectos que se insiren nesta iniciativa destaca por unha banda un programa de voluntariado “para a formación das persoas maiores nas TIC” a través de diferentes cursos ou titorías, e ao que se engaden a plataforma Canal Sénior e TV Sénior, dedicadas á “formación é información en directo” sobre diferentes materias a través da rede. “Neste momento estamos retransmitindo dúas sesións semanais, sobre os temas que nos solicitan os participantes”, vinculados a áreas como a tecnoloxía, a saúde, a economía, a moda, o deporte ou a alimentación, relata Otero, que anuncia tamén que, a finais deste mes, engadirase a estas sesións a retransmisión “de conferencias sobre temas de actualidade”, como, por exemplo, sobre o drama que están a vivir os refuxiados sirios, que centrará os dous relatorios que se emitirán desde a Universidad de Valladolid. Neste senso, o responsable de FEGAUS fai énfase na “facilidade de uso” dunha iniciativa que só require dun ordenador conectado a internet e dunha inscrición previa á sesión, que o alumnado sénior pode seguir tanto de xeito individual como en grupo, así como “realizar preguntas ás persoas que interveñen”.

Ademais, tamén se integra no proxecto Ágora a Biblioteca Nacional Caumas, que ten como obxectivo “poñer en valor o talento do alumnado sénior”, a través dunha plataforma na que os estudantes dos programas de maiores de universidades de toda España poden dar a coñecer os traballos que realizan para as súas diferentes materias. A estas iniciativas súmase, como “medio de formación adicional”, unha revista que se distribúe tanto en formato dixital como en papel, Séniors Universitarios, nacida en Vigo e que “desde o número 11 edítase xa a nivel nacional”, como sinala Otero, que presenta esta publicación como “un resumo dos acontecementos máis importantes do trimestre”.

A necesidade de afondar nas novas tecnoloxías

 

“Con esta presentación, queremos dar a coñecer todas as opcións que ten esta plataforma, que son moitas, e que poden ser de interese, non só para o alumnado sénior senón tamén para todas as persoas, maiores e non tan maiores”, salienta José María Fernández, presidente de Asaexs, dun acto organizado pola asociación que o alumnado sénior do campus puxo en marcha de novo o pasado mes de abril. Nese senso, o representante deste colectivo incide na necesidade de “dar visibilidade” a un proxecto que, a través da rede, “facilita a aquelas persoas que se atopan lonxe dos centros de estudo, seguir formándose en áreas que son de interese para un colectivo como é o dos sénior”.

Nese senso, Fernández fai énfase na importancia que ten hoxe en día na aprendizaxe as novas tecnoloxías. “Temos que ser conscientes de que en moi pouco tempo, aquel que non estea familiarizado coas TIC, vai ser unha persoa illada, independentemente da súa idade e formación” sinala o presidente de Asaexs. Nesa mesma liña, Otero cualifica de “prioritaria” esta formación do alumnado sénior nas novas tecnoloxías e incide na necesidade de promover a “integración dixital” do alumnado do Programa para Maiores, familiarizándoo co uso dunhas “ferramentas que chegaron para quedar”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos requeridos están marcados *

Publicar comentario