Maiores, tecnolóxicos e conectados:
Estudantes sénior dos sete campus galegos participan nun seminario en liña sobre o uso de Whatsapp e Skype
As redes sociais, as aplicacións de mensaxería instantánea, as plataformas de compra en liña… son moitas as ferramentas tecnolóxicas que están a cambiar o xeito de relacionarse das persoas e de vivir nun mundo globalizado. Se ben as novas xeracións son nativas dixitais ou teñen unha rápida adaptación a esta contorna tecnolóxica, para as persoas de máis idade coñecer, adaptarse e incluír as TIC na vida diaria pode ser un reto.
Neste contexto xurde o proxecto Ágora-Tecnoloxía, unha iniciativa impulsada polo Programa de Maiores da Universidade de Vigo e na que participan os sete campus galegos. Trátase dunha plataforma en liña de difusión e formación na que se combinan modalidades tradicionais presenciais con modalidades dixitais que ten como obxectivo crear un novo modelo de acceso ao coñecemento baseado na innovación e a aplicación de novas tecnoloxías co fin de potenciar a creación dun ecosistema da aprendizaxe que se erixa no referente nacional. A través do Canal Sénior ábrese así unha porta de acceso a un mundo de coñecementos para proveito tanto do estudantado dos programas de maiores das universidades galegas como de calquera cidadán.