A paixón por aprender non entende de idades

700x467-g1

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Pura paixón por aprender, por saber máis, por ampliar coñecementos e manterse activos. Iso é o que define aos preto de 30 alumnos e alumnas maiores de 55 aos que no presente curso participan no campus no Programa para Maiores da Aulas de Formación Aberta da Universidade, unha iniciativa que, a pesares de non contar coa demanda doutros campus, si está a lograr “un alto grao de satisfacción entre un alumnado moi traballador, moi estudoso e moi participativo”, como destaca o seu coordinador en Pontevedra, José María Gil. Non en van, a maioría son persoas xubiladas, que non acoden a clase “por obriga, nin coa idea de que lles sirva para atopar traballo, senón por pracer”, como salienta Rubén Pascual, un dos alumnos que traballa nestas semanas por volver a poñer en funcionamento a asociación de estudantes sénior do campus.

“Cando propós na clase ler un texto para comentalo ao día seguinte, un alumno ‘normal’ o que faría é botarlle unha ollada, pero eles non, eles estúdano, documéntase…”, destaca Gil dos participantes nunha iniciativa para que o único requisito é ter 55 anos ou máis e para a que non se precisan nin títulos nin coñecementos previos, só gañas de aprender. “A maioría non foron universitarios, polo que para eles é unha forma de manterse activos e aprender”, apunta o director no campus deste programa da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, que no seu Ciclo Intensivo propón ao alumnado sénior a posibilidade de formarse, ao longo de tres cursos, en xeografía, filosofía, historia, literatura, fotografía ou informática.

700x467-g2

Unha oportunidade de ampliar coñecementos e amizades

“Trátase dun programa moi atractivo para todas aquelas persoas que teñan inquedanzas, para min, desde logo, foi unha experiencia moi interesante que animo a facer a toda a xente que coñezo”, apunta José María Fernández, que o pasado curso completaba o primeiro ciclo deste Programa de Maiores e que agora realiza o Ciclo de Especialización, no que comparte materias co resto do alumnado da Universidade. Fernández, que xunto con Pascual e María Jesús Magariños é un dos responsables da nova posta en marcha da asociación do alumnado sénior no campus, destaca a “posibilidade de acceder á Universidade que este programa supón para as moitas persoas que non tivemos a oportunidade no seu día”, así como o positivo de “entrar en contacto cun grupo de compañeiros cos que, ao cabo dos tres anos, tes un vínculo de amizade”.

“No primeiro cuadrimestre, non faltei nin un día, encántanme as clases”, engade Magariños, que no presente curso se incorporaba ás clases dun programa que, como destaca, está máis enfocado “as humanidades, o que está moi ben porque encántame a filosofía, a psicoloxía, a historia ou a literatura, pero os números xa non me gustan tanto”. Mais a formación non se limita só as sesións nas aulas, senón que implica tamén traballos que “supoñen un pequeno esforzo, pero que son tamén moi gratificantes, porque fixas un pouco máis os coñecementos e estimúlate a consultar cousas”, destaca esta alumna, que salienta tamén o “profesorado de luxo” co que contan nunhas clases que imparten tanto docentes de diferentes departamentos como persoas alleas á Universidade.

Como “unha forma de continuar desenvolvendo a mente, de non estar parados, porque ademais do físico, tamén é moi importante o exercicio mental”, ve o alumno de terceiro curso Rubén Pascual un programa que define como «moi estimulante». De feito, xa deixa claro que o seu desexo “é seguir os dous anos seguintes”, cursando o Ciclo de Especialización, no que se ofertan aos graduados sénior unha serie de materias dos diferentes graos do campus co obxecto de que completen 36 créditos a maiores dos 54 que xa superaran nos tres anos previos. Ese paso é precisamente o que vén de dar José María Fernández, que salienta “o interesante de poder ver como traballan os rapaces”, cos que se sinte “un máis do grupo” nas clases teóricas, aínda que recoñece que, no relativo ás prácticas, opta por presentar traballos individuais. “Non me parecía correcto integrarme nun grupo, podería ser case que un estorbo para os alumnos”, apunta.

Difundir o programa desde o asociacionismo

A pasada semana, máis dunha trintena de alumnos e ex-alumnos deste programa reuníanse en asemblea co obxecto de debater a posibilidade de recuperar unha asociación de estudantes sénior que, segundo explica Fernández, xa existe no campus, aínda que leva inactiva desde o ano 2008. “A nosa idea era saber se a xente estaba interesada en volver a poñela en marcha, se habería socios, e así foi, todos os viron moi positivo”, explica este alumno, que prevé que despois da Semana Santa poida convocarse unha asemblea extraordinaria na que reactivar este colectivo e elixir a unha nova directiva.

“Constituírnos como asociación permitiranos conseguir unha serie de obxectivos que individualmente é moi difícil lograr, así como velar polos nosos intereses dentro da Universidade e do campus”, apunta Fernández, que incide así mesmo que un dos propósitos que os levaron a intentar revitalizar este colectivo é tamén “tratar de dar a coñecer máis en Pontevedra e na súa contorna o Programa para Maiores, que podería resultar moi atractivo para moitas persoas”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos requeridos están marcados *

Publicar comentario