Na celebración das cuartas xornadas organizadas pola súa federación
O alumnado sénior das universidades galegas darase cita o venres en Ourense
Arredor de 180 persoas están inscritas na actividade
O Liceo de Ourense acolle o venres 10 de outubro a celebración das IV Xornadas de asociacións universitarias séniors de Galicia. Nelas, arredor de 180 persoas, alumnado e ex alumnado dos programas das diferentes universidades galegas destinados a persoas maiores, daranse cita para compartir inquedanzas e aprendizaxe.
Estas xornadas son unha iniciativa anual da Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors, celebrándose cada ano nun campus galego e recaendo nesta ocasión a organización na Asociación de Estudantes Aulas de Formación Aberta do campus de Ourense-Universidade de Vigo. A edición deste ano conta co apoio de, ademais da Vicerreitoría do Campus de Ourense, da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e o Concello de Ourense. Na súa presentación este martes, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, deu os parabéns á organización polo traballo feito e subliñou o compromiso da Universidade de Vigo coa formación ao longo de toda a vida, especialmente neste caso a través do Programa Universitario para Maiores que se desenvolve nos tres campus da institución académica.
Pola súa banda, Celso Pumar, presidente da Asociación de Estudantes Aulas de Formación Aberta do campus de Ourense, salientou que para a súa entidade “é unha honra” poder organizar estas xornadas que, indicou, “son un evento moi importante para toda a comunidade universitaria e para a sociedade en xeral”. Neste senso destacou a especial atención que se lle prestou nesta edición á apertura da actividade, na medida que foi posible, á cidadanía en xeral. O responsable da asociación lembrou que o alumnado sénior é alumnado “de feito e de dereito” da Universidade e salientou a oportunidade de reunirse nunhas xornadas como as que se celebrarán o venres en Ourense.
Conferencias, debates e visita
O programa, que leva por lema Saberes e sabores de Ourense, arrancará con dous relatorios. Un primeiro sobre as “augas misteriosas da provincia termal de Ourense”, a cargo de María G. Souto, licenciada en Ciencias Químicas e en Farmacia; delegada da Federación Mundial de Termalismo e Climatoterapia en España e académica numeraria da Real Academia Europea de Doutores. O segundo será sobre nutrición para unha vida activa e saudable e correrá a cargo de Marisol López, dietista, nutricionista e tecnóloga de alimentos. A sesión continuará cunha mesa de debate sobre os relatorios presentados e outra sobre a formación permanente ao longo da vida, composta esta última por representantes das asociacións universitarias e moderada por Alejandro Otero. Pechará a actividade Alejandro Otero, presidente de Fegaus, e unha visita guiada pola cidade.